Sunday 19 de May de 2024

O concerto “Los 40 Santiago Pop” e a orquestra Panorama abren as Festas da Ascensión deste ano


As festas compostelás por excelencia arrancarán mañá co concerto de “Los 40 Santiago Pop” que reunirá na praza da Quintana a partir das 21:00 h, figuras do panorama musical actual como David Otero, Bombai ou Lontreira. Seguirá a troula coa orquesta Panorama que ofrecerá o seu espectáculo a partir das 22:30 horas na praza do Obradoiro. Fillas de Cassandra e Billie Marten son outras das actuacións destacadas das Festas deste ano, así como a celebración da segunda edición do Composfest que reunirá o venres na Quintana artistas locais como Boyanka Kostova ou Dios Ke te Crew. O Recinto Feiral de Amio acollerá a popular Feira Cabalar durante a xornada do xoves da Ascensión e a Festa dos Maiores o vindeiro sábado.

Os festexos arrancarán esta noite ás 21:00 horas, na praza da Quintana, co concerto Santiago 40 Pop, organizado polos 40 principais da Cadena Ser, que contará coas actuacións de David Otero, Bombai, Soge Culebra, Lérica, Mar Lucas, Álvaro Mayo, Álex Márquez e Lontreira, presentado por Dj Óscar Martínez

O programa inclúe citas musicais para todos os gustos: as galegas Fillas de Cassandra o xoves ás 21 h na Quintana, e a Orquestra Funçao Públika ás 22 h no Obradoiro. O venres será a quenda da orquestra Los Player’s a partir das 22 h na Alameda.

Ademais, a praza da Quintana acollerá o venres a partir das 20:30 horas a segunda edición do Compos Fest, que contará con recoñecidos artistas e grupos locais Boyanka Kostova, Dios Ke te Crew, André G. S. e Cool Nenas. No mesmo emprazamento, o día 11 terá lugar o concerto Estrella Galicia que contará coa actuación de Billie Marten, e á mesma hora a orquestra Finisterre na Alameda.

Desde o xoves, as tradicionais alboradas interpretadas por agrupacións locais ambientarán coa súa música as rúas compostelás e a Banda Municipal de Santiago ofrecerá os concertos ‘Desde a identidade’ e ‘Desde a sétima arte’ na praza da Quintana. Ademais, en diferentes prazas da vila, cidadáns e visitantes poderán desfrutar das actuacións máis tradicionais cos ciclos “Folk na rúa” (xoves, 9 de maio) e “Escolas de Baile Tradicional” (sábado, 11 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras.

Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, a Casa do Taberneiro acolle un obradoiro para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.

Cabezudos e Feira Cabalar

O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, terá lugar a comparsa de Cabezudos cun percorrido polas rúas compostelás desde ás 12:30 da mañá, é a tradicional Feria Cabalar no Recinto Ferial de Amio, e que ofrecerá un amplo programa de actividades dirixido a todos os/as afeccionados/as ao mundo do cabalo galego, con andaduras, mostras cabalares e entrega de premios, ademais dun espectáculo ecuestre de doma.

Festas dos Maiores

Un ano máis volve a Festa para as Persoas Maiores, na que é xa a súa 25 edición, para que os nosos maiores poidan reunirse e desfrutar xuntos dun xantar con sobremesa amenizada polo Grupo Eureka, a un prezo adaptado a todos os petos de 10 euros. Esta xuntanza terá lugar o sábado 11 de maio ás 14 h no Recinto Feiral de Amio, e as entradas estarán dispoñibles a partir do día 2 de maio no despacho de billetes do Teatro Principal en horario de 10 a 13 horas.

Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo da Chave, que acada a súa XLVII edición e que se desenvolverá venres e sábado na Alameda compostelá.

Ademais o programa inclúe outras actividades para públicos diversos, como a representación da peza de teatro “Adictos” de Pentación Espectáculos, que terá lugar no Auditorio de Galicia o xoves 9 ás 20:30, ou varios espectáculos de monicreques dirixidos á cativada a cargo de Babaluva, Kukas, Larraitz Urruzola Producións Artísticas, Títeres Alakrán e Viranvolta Tïteres, todos eles na praza de Mazarelos. Ademais, o programa deste ano inclúe a visita teatralizada pola ruta de Valle-Inclán “A barraca de Compostela” que terá lugar por partida dobre, o xoves e o sábado ás 18 horas.

O palco da Alameda e a Nave de Vidán acollerá o venres e o sábado varias actividades arredor do tango e a milonga que contarán coa presenza do cantante arxentino El Chino Laborde.

Complétase o programa con eventos do gusto dos/as máis deportistas coa celebración da ‘Corresán Ruta de Prata de Angrois’ que terá lugar o sábado a partir das 17:30 horas con saída e meta no Camiño Real de Angrois, e da XXIII Carreira da Ascensión, organizada polo Club Ciclista Compostela. Os/as amantes das novas tecnoloxías poderán asistir ao Dron Festival Gaelic GP, o venres e sábado no campo de hóckey da USC no Campus Sur.

Punto Lila

Como en anos anteriores, vaise instalar un punto lila, na Alameda, de oito da tarde a unha a madrugada, co obxectivo de e informar, e protexer, darlle seguridade tanto ás mulleres como ás persoas do colectivo LGTBI.

Ademais, durante os días de duración das Festas, a Alameda volverá a acoller as populares atraccións para deleite dos máis pequenos, que ofrecerá un horario inclusivo sen ruído os días 4, 11 e 16 de maio entre as 17 e as 19 horas.

Toda información do programa estará dispoñible na páxina web municipal e nas redes do Concello.

Deja un comentario